Thursday 19 de September de 2024

Concello e Amigos de Galicia renovan a colaboración para atender as necesidades básicas das familias desfavorecidas


O acordo para 2015 aumenta nun 76% a aportación municipal

O Concello de Riveira acaba de renovar o convenio de colaboración que mantén coa Fundación Amigos de Galicia co fin de axudar a paliar as necesidades básicas de familias en situación de emerxencia social. O novo acordo para 2015 eleva nun 76,6% a achega económica da administración municipal, pasando de 6.000 a 10.600 euros no vindeiro exercicio.

En canto ás familias atendidas na actualidade, cómpre informar de que actualmente se responden ás necesidades de 101 familias riveirenses formadas por 364 persoas, e que foron derivadas dende os técnicos do Departamento Municipal de Servizos Sociais.

De resultas do acordo de colaboración, unicamente en produtos alimenticios de primeira necesidade, a Fundación Amigos de Galicia entregou, ata data de hoxe, 32.093,66 quilos de produtos alimenticios, por valor de 67.903,95 euros. Ademais, a entidade fixo entrega de maior cantidade de produtos alimenticios para facer fronte ao peche dos comedores escolares, iniciativa que tamén se vai a levar a cabo en Nadal; coa distribución de capóns, hamburguesas, ovos e iogures.

No eido doutras axudas, entregáronse 1.023,36 euros en material escolar a menores que, doutro xeito, non disporían do necesario para facer fronte ó curso escolar. No eido do mobiliario, entregáronse axudas por valor de 80 euros. No ámbito da vestimenta e calzado, foron distribuídas axudas por valor de 30 eirps. No eido da formación, a entidade desenvolveu un curso de coidador e acompañante de autobús escolar que contribuía a dotar de contidos teórico prácticos a persoas en risco de exclusión social, de cara a súa inclusión no mercado de traballo. Este curso, daba continuidade a un xa desenvolto no ano 2013, de auxiliar de atención á terceira idade.

Este Nadal, como xa se ven realizando en anos anteriores, está prevista a entrega de xoguetes novos ós menores de 8 anos, de modo que se contribúa a garantir a igualdade dos menores, independentemente dos recursos económicos das súas familias.

Ademais, Fundación Amigos de Galicia poñerá a disposición das persoas unha técnico de emprego que traballa de cara a acadar a integración laboral das persoas atendidas, como modo de dar resposta, por si mesmos, as súas propias necesidades.